Inicio: de Fontenla ao Paraíso


O roteiro 

Este percorrido segue parte do antigo camiño que unía as aldeas de Fontenla e Paraíso remontando o río Umia. Durante o paseo poderá descubrir a importancia dos ríos para a biodiversidade e para o ser humano.
Este roteiro está p
romovido pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Lantaño formando parte do proxecto de recuperación do monte como espazo de lecer e goce dos veciños. Xunto con esta actuación realizáronse plantacións de especies frondosas en todo o linde do monte así como a retirada de lixo e entullos.
http://gl.wikiloc.com/wikiloc/view.do?id=12097729O monte achega recursos como a madeira con valor económico directo pero tamén bens e servizos imprescindibles aínda que imposibles de cuantificar economicamente. Xera e purifica o aire que respiramos, limpa e depura a auga que bebemos, da corpo as nosas paisaxes, é fogar, refuxio e garante da supervivencia da biodiversidade, achéganos coñecemento e enriquece a nosa cultura.

Río Umia (información xeral)

O río Umia nace na parroquia de Aciveiro, municipio de Forcarei, e recorre los municipios da Estrada, Cuntis, Moraña, Caldas de Reis, Portas, Meis, Vilanova de Arousa, Ribadumia e Cambados, creando unha bacía de 404 km². Finalmente desemboca na ría de Arousa na Ponte da Barca. Estímase unha lonxitude total de 70 km e un caudal medio de 16.3 m3.
O río nace ao xuntárense os regatos de Raigosa (700 m), Filloi (720 m), Alende (620 m) e Grela. Circula por unha chaira a 500 m de altitude até A Goleta, a partir de onde baixa encaixado até Ponte Taboada. Alí xúntaselle o río Gallo e segue por outra chaira situada a 200 m. En Cesar, Caldas de Reis, cae en fervenza. En Caldas de Reis entra na Depresión Meridiana, até desembocar na ría, entre os concellos de Cambados e Ribadumia.
Na súa desembocadura crea unhas xunqueiras e amplas chairas de mareas nas que se poden ver, ao longo das estacións, unha gran diversidade de aves. Por estes e outros valores a zona está incluída na Rede Natura 2000 dende o 2001, Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) dende 1989 e Zona Húmida de Importancia Internacional dentro convenio Ramsar dende 1989.

Etimoloxía
Umia, viría dunha raíz hidronímica prelatina indoeuropea que significa auga, de recoñecida presenza na hidronimia galega (Río Uma, Río Mao, Acea de Ama etc).

Lendas
O río Umia ten unha grande importancia cultural, xurdindo no seu entorno diversos contos ou lendas coma a da "ponte dos padriños", en Ponte Arnelas (Ribadumia-Vilanova de Arousa), no que se practicaba o rito do bautismo anticipado. Un rito no que se practicaba en distintos lugares de Galicia e que consistía en bautiza-lo feto, aínda no ventre da nai xestante, sobre unha ponte con poderes máxicos ás 12 da noite, co fin de asegura-lo embarazo nas mulleres que sufriran anteriormente algún aborto.
Para realizar o ritual a nai acudía á ponte pouco antes da medianoite, acompañada de, como mínimo, dúas persoas pois estas tiñan que gardar as dúas entradas da ponte. A comitiva levaba consigo todo tipo de comidas e bebida, como se foran celebrar un bautizo normal mais un caldeiro e unha corda tan longa como a altura da ponte no seu punto medio.
A muller colocábase no centro da ponte, agardando, mentres os acompañantes, nos dous estremos da ponte impedían que ninguén, persoa ou animal, cruzase a ponte ata as doce en punto.
Chegada a hora, convidaban ó primeiro home ou muller que se achegara a se-lo padriño ou madriña neste particular bautizo: "¡Home / muller de boa ventura, bautízame esta criatura!".
A invitación debía ser voluntaria, sen forzar nin obrigar a ninguén, pero se non aceptaba, non se lle permitía o paso. Cando un viandante aceptaba o encargo, o cal era o habitual, por ser tido como unha obra de caridade, achegábase el só ata a muller e no medio da ponte, e co caldeiro collía un pouco de auga do río e botaba a auga sobre o ventre da muller a modo de bautizo, á vez que recitaba as mesmas palabras que pronunciaría o crego nun bautizo normal: "No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo", pero coidando de non rematar, nin el nin ninguén, coa palabra "Amén" pois, se o fixera, o neno non nacería.
Rematado o bautizo, deixábase libre o paso pola ponte e comezaba a celebración e a festa. Por fin, cando xa non poidan comer nin beber máis, regresaban ao medio da ponte e guindaban ao río todo o sobrante para asegurar o feliz nacemento do meniño. O mellor era botar o sobrante de costas e por riba do ombreiro, fórmula eficaz para romper calquera maleficio.

Cando, por fin, chegaba o momento do nacemento repetíase a cerimonia do bautismo, pero desta volta xa na igrexa e co cura, asistindo como padriño ou madriña a persoa que realizou o bautismo na ponte. Usualmente, o meniño recibía o nome deste padriño.

Para non perderse

No camiño atopará os marcos da Comunidade de Montes de Lantaño. Estes marcos levan habitualmente o debuxo dunha liña na parte superior indicando a forma da estrema, recta ou en esquina, e a inscrición MP seguida do número de marco. A inscrición MP deriva de monte público pois, aínda que os montes comunais non o son, cando se deslindaron en 1967 dependían dos concellos e o ICONA polo que se consideraban públicos.