Ponte Currucho



Vía de comunicación humana e natural

Os ríos tamén son e foron fonte de riqueza para o ser humano. Os antigos muíños fálannos doutros tempos nos que a sustentabilidade era supervivencia. O muíño de Ponte Currucho era un dos chamados de herdeiros; a el acudían a moer xentes das dúas bandas do río, Saiar (Caldas de Reis) e Portas e Lantaño (Portas), grazas a esta pontella chamada Ponte Currucho. 


Este era un muíño de herdeiros e cada veciño tiña estipulado unhas horas concertadas para dedicar a moer. Outros muíños eran de “maquía” e neles o muiñeiro cobraba unha medida de fariña, a maquía, por moer nel. Por último están os muíños privados nos que só os donos poden moer. 

O gran que aquí se moía medraba tamén grazas á forza do río pois nas súas enchentes rega e fertiliza os campos facendo do val unha terra rica e produtiva, do que dan fe os catro pazos, tres casais e seis muíños, algún deles de cinco moas. A veciñanza só podía cruzar o río cos carros durante o verán; e cando o caudal aumentaba deixaban os carros nas beiras e atravesaban a ponte cos animais de tiro.

Pero os cursos fluviais acollen máis tránsito que o humano. Dalgún xeito os ríos e as súas ribeiras son as últimas autoestradas verdes polas que a natureza pode intercomunicarse pois o resto do espazo está ocupado xa polas nosas vías de comunicación, como ben pode vostede comprobar neste lugar. A súa importancia xustifica que se consideren hábitats prioritarios. Un bo motivo para comprometernos a colaborar na súa conservación.

No verán utilizábase a zona para lavar roupa tanto na ribeira de Lantaño como de Saiar. Ademais os veciños de Lantaño utilizaban a Ponte para acudir as festas da parroquia de Saiar e Godos que eran as do Perpetuo Socorro en Xuño, Santo Cristo en Setembro e Candeloria no mes de febreiro que se celebraba na capela de Santiaguiño (Godos).
Ademais do muíño de Ponte Currucho de 4 moas, na parroquia de Lantaño existen outros 4 muíños de unha moa en regatos: Santiño, Pontella, Baceiro, Aboca; e un muíño de 5 moas, o de Ponte de Afonso, situado tamén no río Umia augas abaixo da praia fluvial.

Os muíños eran un dos centros de reunión da mocidade pois neles había que pasar moito tempo agardando a ser atendidos e a que rematara de moerse o gran. A isto hai que sumar que a el acudían xentes de diferentes partes da parroquia o que os convertía en lugares idóneos para encontros, namoramentos e festas improvisadas. Non debe estrañar polo tanto a existencia de multitude de cantigas, refráns, poesías e adiviñas con temática muiñeira:

O muíño a moer
o ratiño a comer

agarreino polo rabo 

leveino ao mercado

do mercado de Padrón

De Padrón a Sevilla

sentado nunha silla

comendo unha rosquilla.

O muíño do Corbello 

esta no medio do monte

ao lado dun riiño

para poder moe-lo millo.

A onde se vai moer

é un sitio moi fermoso

por onde pasa algún coello

este ten que ser 

o muíño do Corbello.

Dáme lume Sara polo vertedoiro

dáme lume Sara que son muiñeiro

si es muiñeiro

sobe para arriba 

que Sara está soa 

e quere compañía.

Muíño que estás moendo

o trigo con tanto afán

ti estás facendo a fariña

e outro como do pan.

Ai muíño, muíño

con tanto traballar 

estase volvendo tolo 

de tanto muiñar.

O muíño traballa moito

o muíño non para

e nos, os muiñantes
tanto traballar para nada.

Esta noite fun á rolda

e rolei sete muíños

e enganei sete rapazas

e encarguei sete meniños.

Este muíño non é muíño

que é a capela dos ratos

onde se dan moitos bicos

e máis moitos abrazos.

Miña nai non quere

que eu vaia ao muíño

porque o muiñeiro

rebrinca, rebrinca

volve a rebrinca

unha saia nova

me quixo rachar.
Esta noite no muíño

hache de haber apartamento

os casados para fora

os solteiros para adentro.

A miña muliña

cando vai pro muíño

¡ai! Vai enfariñada

cheiña de frío

tamén de xiada

¡ai! A miña burriña

sempre vai cansada.
Díos cho pague

churrusqueiro

téñocho que agradecer

cando vou ó teu muíño

sempre me deixas moer.

O muíño foula foula

o vento lle fai a moa

a filla da muiñeira

ten un andar que namora.

Xa non quero ser muiñeiro

nin barre-lo tremiñado

que despois no outro mundo

toman conta do roubado.

Un cura foi ó muíño

foille millor que non fora

que coa beira da sotana 

barreu a fariña toda.

Refráns

"Ábrete, fol, pola boca, para que en vez dunha maquía as che colla".
"Andando gaña o muíño que parado está perdido".
"Cada muíño quere a súa auga".
"Máis que muíño na espera, vale sobro na moega".
"Non fíes en maquía de muiñeiro nin creas en comida de despenseiro".
"O muiñeiro, que ve e ve, non pode ser paruleiro".
"O muíño treina, treina, a auga faino treinar".
"O que está na acea, moe, e non o que vai e non volve".
"O que está na acea moe, e non o que vai e non ven".
"O que pode vai ó muíño e moe".
"Ábrete, saco, unha maquía me debes, dúas che agarro".

Adiviñas


Anda e non ten pés,
come e non ten boca,
canta fariña lle dan,
toda lle parece pouca.

Andar e andar e nunca chegar.

Bebe polos pés, come pola cabeza e caga pola illarga.

Anda e anda e nunca chega a súa casa.

¿Qué cousiña, cousa será que da voltas encima do río e sen se mollar?

PONTE DE AFONSO
A altura deste muíño existía unha ponte de Madeira que se utilizaba de paso para comunicarse os veciños da parroquia de Lantaño (Portas) con veciños da parroquia de Godos (Caldas de Reis). Na ribeira do río de Lantaño había un muíño construído en 1.875 (hoxe en día apenas se conservan os restos) que pertencía a familia dos Afonso, de aí tamén o nome da ponte. O ser un muíño de carácter privado cada veciño pagáballe o dono do muíño unha parte do gran moído que lle denominaban "A Maquía", o gran levábase a moer nuns caixóns de madeira que tiñan todos o mesmo volume que e o que se denominaba ferrado de millo, e en función de iso establecíase a Maquía. 
Nas ribeiras do río desta ponte tiña unhas praias bastante amplas e había tamén uns prados amplos, que facían que esa zona fose un lugar moi visitado para lavar a roupa xa que había onde clarear a roupa. No verán as mozas aproveitaban mentres se clareaba a roupa para bañarse elas, e os homes que tiñan ocasión tamén se achegaban por alí....
Esta ponte tamén a utilizaban as mulleres para pasar coas cestas na cabeza onde levaban excedentes de froita, legumes, ovos, patacas, verduras, galiñas e porcos para ir ao mercado que se celebraba en Vilagarcía os martes, xoves e sábado (hoxe en día ainda se segue a facer os martes e sábados).
Os veciños de Lantaño utilizaban a Ponte para acudir as festas da parroquia de Godos que eran as do Santísimo no mes de Agosto e as de Fátima nos meses de Maio e Outubro.
Tanto tráfego de persoas tamén deixou algunha anécdota. Dous mozos, Manuel e Francisco, ían a escola de noite a parroquia de Godos, Manuel esvarou no firme de madeira e caeu o río sen saber nadar. Francisco foi quen de rescatalo quedando todo nun dos sustos mais grandes da súa vida.
Ademais das pontes, nos meses de xullo e agosto, a xente tamén utilizaba para cruzar o ría zonas de xogas coma a de Aveleira, nas que só había que descalzarse para cruza por alí andando.

PARAÍSO
Este roteiro remata aquí, pero se continuamos o camiño a carón do Umia chegaremos á aldea de Paraiso.
Desta aldea de singular nome temos referencia a través dunha escritura de doazón outorgada polo Rei Fernando II de León ao Mosteiro de Armenteira do 30 de abril de 1165. Nela concédese ao mosteiro a herdanza chamada PARADISUS, situada en Santa María de Portas. Parece ser que os monxes tiveron unha pequena granxa e no ano 1347 aforaron a uns veciños de Lantaño, cedéndolles tamén os dereitos de pesca sobre as augas do Umia ao seu paso pola quinta.
Pero os cursos fluviais acollen máis tránsito que o humano. Dalgún xeito os ríos e as súas ribeiras son as últimas autoestradas verdes polas que a natureza pode intercomunicarse pois o resto do espazo está ocupado xa polas nosas vías de comunicación, como ben pode vostede comprobar neste lugar. A súa importancia xustifica que se consideren hábitats prioritarios. Un bo motivo para comprometernos a colaborar na súa conservación.

Fin de roteiro