A vida nace na auga


Unha charca é un microcosmos, pois resulta difícil atopar maior biodiversidade en menos espazo.
A pesar da súa prodixiosa capacidade de adaptación á vida nesta fronteira amable entre o medio acuático e o terrestre, os animais e plantas das zonas húmidas son moi fráxiles ante calquera alteración do seu medio.

Nunha charca reprodúcese a pequena escala o proceso do nacemento e da evolución da vida. Seguramente foi unha charca o primeiro espello en que a nosa especie se descubriu a si mesma. A contaminación destes espazos non deixa de ser tamén un reflexo das nosas actuacións, do mesmo xeito que a súa recuperación ecolóxica redunda de xeito determinante na calidade da auga que consumimos, polo que conservar a limpeza destes lugares representa a mellor imaxe que podemos deixar tras a nosa visita. Todo o que guindamos no monte acaba na auga que bebemos.

Lembre que en xeral moitas destas especies están actualmente protexidas, algunhas incluso en perigo de extinción, polo que debemos evitar provocarlles danos e molestias e non alterar o seu espazo vital.

Algunhas das especies que podemos atopar nestes ambientes e que nos indican o seu bo estado de saúde son:

-       Cabriña; Davallia canariensis: Este fento gusta de vivir sobre os carballos e outras árbores sempre en lugares frescos e húmidos ata os 500 m de altura. Trátase dunha especie endémica, é dicir, exclusiva da Macaronesia (illas do Atlántico das Azores a Cabo Verde) e áreas moi próximas coma Marrocos, Portugal e Galicia. É unha planta relicta do Terciario, é dicir, de cando por estas terras o clima era tropical. Nome Castelán: Puli-puli, cochinita. Wikipedia - Flora Ibérica
-       Cáncaro; Primula acaulis: Está é unha das especies de este tipo de ambientes máis coñecidas por todos. As súas flores son as primeiras en sair na primavera de aí o seu nome en latín “primula”, e que a mellor época para coller un raxo de sol debaixo destas árbores é sendo a primeira da primavera, antes de que salgueiros e amieiros estendan as súas follas. Nome Castelán: primavera.
Wikipedia - Flora Ibérica
-       Cobra viperina; Natrix maura: A pesar do seu nome e aspecto é unha especie totalmente inofensiva, tímida e sen veleno, que para evitar problemas na natureza vai “vestida” de víbora, aínda que este disfrace tenlle ocasionado moitos problemas ao ser atopada polo ser humano. É unha especie moi ligada aos medios acuáticos nos que se alimenta de anfibios, peixes e invertebrados. Nome castelán: Culebra viperina.
Wikipedia - Iberfauna
-       Fento macho; Dryopteris affinis: Esta é unha especie abondosa en lugares sombrizos como bosques, beiras de ríos e regatos. O rizoma é empregado como febrífugo e antihelmíntico. Nome castelán: helecho macho.
Wikipedia - Flora Ibérica
-       Lagarto das silvas; Lacerta schreiberi: Esta especie é propia do occidente a Península Ibérica. Consome entre outros invertebrados caracois, arañas e vermes de escaravellos. Nome castelán: Lagarto verdinegro.
Wikipedia - Iberfauna - Lista vermella UICN
-       Loureiro; Laurus nobilis: Ademais do uso como condimento para cociñar, o seu aceite tense usado contra os carrachos. Dubídase da súa orixe natural en Galicia pero de selo, trataríase dunha das especies que sobreviviron ata os nosos días das selvas tropicais do Terciario. Nome Castelán: Laurel.
Wikipedia - Flora Ibérica
-       Paxariños; Linaria triornithophora: Esta fermosa flor é outro endemismo do NW peninsular. Florece de xuño a setembro e podémolo atopar polos arredores do Pozo do Sabugueiro.
Wikipedia - Flora Ibérica
-       Ra das veigas; Discoglossus galganoi: Este é un dos exemplos de que a fronteira entre sapos e ras non está clara, pois para algunhas persoas é unha ra e para outras é un sapo. Atópase en calquera poza de auga e as veces en zonas de mato e prados lonxe da auga. Come multitude de insectos e outros invertebrados como arañas, caracois e miñocas. Nome castelán: Sapillo pintojo ibérico.
Wikipedia - Iberfauna - Lista Vermella UICN
-       Ra patilonga; Rana iberica: Este endemismo do noroeste ibérico tamén coñecida como “ra dos regos” pois é abundante neles. Pódese dicir que é a ra galega por excelencia pois ocupa todos os tipos de ríos, regatos e presas de auga tan abundantes na nosa terra. Nome castelán: Rana patilarga.
Wikipedia - Iberfauna - Lista Vermella UICN
-       Sabugueiro; Sambucus nigra: Este arbusto que da nome a este pozo é moi abundante en toda Galicia, aínda que paradoxalmente no momento de escribir estas liñas, non se atopa ningún nos arredores. É habitual preto das casas e non é casual pois tense usado como antitusíxeno. A rapazada facía coas súas polas tiratacos e xeringas. Nome castelán: Saúco.
Wikipedia - Flora Ibérica
-       Salgueiro; Salix atrocinerea: Da codia do común e abundante salgueiro se extraeu o medicamento máis vendido do mundo, o ácido acetil-salicílico (“aspirina”) e tamén foi utilizado para facer preparados febrífugos. Nome castelán: Sauce. 
Wikipedia - Flora Ibérica
-       Saramaganta; Chioglossa lusitanica: Esta pequena, a pesar do seu descoñecemento por parte da maioría das persoas, é unha das xoias do patrimonio natural galego pola súa rareza e singularidade. Só vive en Galicia, norte de Portugal e no occidente asturiano. É o único supervivente dun xénero que abundou na Europa tropical de hai milleiros de anos. Os seus parentes vivos máis próximos hai que ir a buscalos a lugares tan afastados coma o Cáucaso ou Asia Menor. É unha especie considerada “vulnerable” pola UICN. 0Nome castelán: Salamandra rabilarga.
Wikipedia - Iberfauna  - Lista Vermella UICN
-       Xunca aboiante; Juncus heterophyllus: Este xunco ten as follas superiores ocas para que aboien na auga. Atópase en pozas con pouco fondo e tamén nalgúns regatos de pouca corrente. Está considerado como “Case Ameazado” pola UICN. Nome castelán: Junco flotante.
Wikipedia - Flora Ibérica - Lista Vermella UICN

Seguintes paradas

Miradoiro do Outeiro Grande

Miradoiro do Balcón de Cachal