Inicio do Monte de Lantaño

O roteiro

http://gl.wikiloc.com/wikiloc/view.do?id=12093768

Este roteiro percorre a estrema e antigos camiños do monte común de Lantaño. No percorrido atópanse puntos de interese como a primeira lagareta rupestre localizada dentro da subzona Val do Salnés da D.O. Rías Baixas, un antigo pozo de rego cheo de vida e varios miradoiros cunha ampla panorámica.

Neste percorrido descubrirá que o monte é máis ca plantacións de árbores, máis ca fábricas de papel. Se o sabemos coidar o monte é unha fonte inesgotable de materias primas, alimento, medicinas, lecer, cultura e natureza. O monte é unha parte fundamental do noso patrimonio.

No camiño atopará os marcos do Monte Veciñal en Man Común de Lantaño pois, en parte, segue a estrema que separa o monte comunal das parcelas particulares. Estes marcos levan habitualmente o debuxo da liña na parte superior indicando a forma da estrema, recta ou en esquina, e a inscrición MP seguida do número de marco. A inscrición MP deriva de “monte público” pois, aínda que os montes comunais non o son, cando se deslindaron en 1967 dependían dos concellos e o ICONA polo que se consideraban públicos. Non foi ata o ano 1982 cando os veciños de Lantaño recuperaron o control do seu monte previamente usurpado pola Administración.


Os Montes Veciñais en Man Común

Os Montes Veciñais en Man Común, Montes Comunais ou Montes Veciñais son titularidades privadas colectivas que pertencen aos veciños dun lugar ou parroquia na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas e que se veñen aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade sen asignación de cotas polos membros. Considéranse veciños os que teñan casa aberta e con fume, é dicir, quen realmente viva no lugar independentemente se é propietario ou non da casa. Os veciños organízanse en comunidade e toman as decisións a través da Asemblea de Comuneiros que elixe a correspondente Xunta Directiva.
O 30% da superficie forestal galega, máis de 600.000 hectáreas, corresponde a monte veciñal en man común, xestionado por 2835 comunidades de montes. O que da unha idea da importancia de esta propiedade para a xestión forestal e a conservación da natureza e da cultura galega.

Os Montes Veciñais son unha institución tipicamente galega, aínda que tamén existen no norte de Portugal coa denominación de Baldios, en menor medida en Castela e León, Asturias e Cantabria, así como algún exemplo espallado polo resto da península (Lleida e Granada).
Este tipo de propiedade é considerada de orixe sueva e funcionou durante séculos sen intervención da administración ata que nos tempos da ditadura do Xeneral Franco foron usurpados pasando a depender da administración. Non foi ata a chegada da democracia cando se puido recuperar o control dos mesmos polos veciños.


Os usos tradicionais do monte común eran varios, dende o cultivo de cereais, a obtención de estrume para o gando, leña, madeira, pasteiros para o gando, subministro de auga, canteiras… Moitos destes usos perduran hoxe en día e outros fóronse cambiando por outros novos como poden ser os parques eólicos ou os roteiros de sendeirismo.
O monte veciñal pode ser un dos principais motores de emprego local de conseguirse mellorar a explotación forestal e facela compatible con outros importantes usos do monte coma a produción de cogomelos, froitos, espazo de lecer etc.


A importancia das áreas de xestión comunal para a conservación da biodiversidade é enorme. Recentemente a Convenio sobre a Diversidade Biolóxica, auspiciado polo Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA), ven de publicar un estudo sobre a importancia das áreas xestionadas non por gobernos se non por comunidades locais. O estudo realizouse en 18 países de todo o mundo e demostra que España é un dos países máis ricos de Europa en canto a usos comunais e xeitos de gobernanza e xestión local do medio natural: montes en man común/de socios/ o comunais, confrarías, “juntas de pastos”, “juntas de valle”, “facerías” etc. Moitas destas zonas polo seu bo facer cara a sustentabilidade considéranse ICCA ou Áreas de Conservación Comunal. Estas áreas son consideradas vitais para a conservación da biodiversidade e tamén para a conservación da diversidade cultural.

Seguintes paradas